• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MALTINE: «INTENTAMOS FACER CANCIÓNS QUE NOS MOLEN E NON POÑERNOS CANCELAS»

MALTINE: «INTENTAMOS FACER CANCIÓNS QUE NOS MOLEN E NON POÑERNOS CANCELAS»
28 FEBREIRO 2022

Un verán, unha guitarra acústica e un sofá. Podería ser a sinopse dunha comedia romántica, pero é, en resumo, os inicios de Maltine. Este dúo composto por Rocío Barrio (voz, letras) e Pepe Hombre (guitarra, bases) leva creando pílulas de rock alternativo, algo vangardista grazas ás bases electrónicas, desde 2012. Comezaron en formato acústico, cando os bares se convertían en escenarios dos seus directos, e logo de varios anos e un parón, Maltine retoma o proxecto en eléctrico. Non é ata marzo de 2020, en pleno confinamento, cando o seu rock alternativo con tinturas blues, garage e punk se materializa nun EP. Interior Noite (2020) son tres cortes de letras en galego e en castelán sobre unha sólida base de guitarra e batería, con José Bruno nas baquetas, Iago Lorenzo na gravación e produción, e Robin Schmidt no master.

O seu debut irrompeu alto e claro na escena estatal, chegando a soar en Radio 3, e asentou un rock abrasivo, cru e sucio que se volvía escoitar a finais do ano pasado nun novo traballo discográfico, Saliva (2021). Un segundo EP con tres pezas orixinais que repiten a estrutura do anterior, cun tema en castelán e dous en galego, de letras viscerais e riffs alternativos que poñen en magnífica evidencia a potencia instrumental e rítmica do dúo.

 

 

Rocío Barrio, vocalista e letrista, e Pepe Hombre, á guitarra e ás bases, sodes Maltine... desde 2012! Como nace este proxecto conxunto? Que experiencias musicais previas tiñades antes de learvos a manta á cabeza e comezar compoñer?

Rocío Barrio: «Comezamos un verán por pasar o tempo, improvisando coa acústica nun sofá, e enseguida comezaron a saír temas. Eu daquela estaba empezando cunha banda en Compos, pero a cousa non acababa de arrincar».

Pepe Hombre: «No meu caso, desde a adolescencia formei parte de distintos grupos con amigos tocando a batería. Eu sempre quixen tocar a guitarra nunha banda, pero nunca tivera a oportunidade; sempre nos facía falta un batería e sobraban guitarristas. Con Maltine por fin puiden coller a guitarra!».

 

Ademais de rock stars, Rocío é xornalista e actriz, e Pepe é fotógrafo e ilustrador; carreiras ligadas á arte ou á cultura, como a música. Interaccionan dalgún xeito as vosas outras facetas profesionais coa musical?

Pepe: «Si, claro. Todo está relacionado. Sempre podes aproveitar coñecementos e experiencias dun campo creativo para aplicalo noutro, porque todo consiste en transmitir sensacións.

Ademais, permítenos ter o control de todo o material gráfico e audiovisual da banda, tanto para facelo nós mesmos como para saber en quen delegar».

Rocío: «Ao final, trátase de comunicar algo a un público. Podes facelo escribindo, debuxando, interpretando, cantando... Son diferentes maneiras de explorar a creatividade».

 

 

Compartides nome cunha especie de xarope, de curiosa historia, feito con cebada, trigo, avea... e viño de coca, que desapareceu durante a Lei Seca. Por que Maltine?

Pepe: «Eu tiña claro que quería un nome dunha soa palabra e foi Rocío a que mo suxeriu».

Rocío: «Levabamos uns días repetindo opcións en voz alta e non nos convencía ningunha. De casualidade, premín nunha reportaxe que falaba de medicamentos antigos que estarían prohibidos no século XXI e aparecía unha foto da botella co nome en grande na etiqueta; no texto falaba da dose recomendaba para adultos e nenos. Chamoume a atención a historia e propúxenllo a Pepe».

Pepe: «Fíxome graza que se lle dese un xarope con cocaína aos nenos e gustábame como soaba a palabra».

 

Rock, punk, indie, alternativa... a que soa, realmente, Maltine?

Pepe: «A todo iso e gustaríame pensar que a máis! Temos influencias variadas e ao final van saíndo nas cancións. Algunhas tiran máis cara ao rock, outras cara ao blues, outras son máis punk…».

Rocío: «Eu penso que as etiquetas dependen máis do oínte que de nós mesmos. Cada quen identificará unha cousa ou outra tamén en función do que escoite e recoñeza. Nós intentamos facer cancións que nos molen e non poñernos cancelas».

 

 

Se falamos de influencias, a quen sinalariades? Algunha referencia en particular que teña especial impacto na vosa música?

Rocío: «Cando comezabamos, inspiráronnos moito The Kills. Vimos que era posible que dúas persoas tirando de bases programadas puidesen defender unha proposta cañeira, que era ao que aspirabamos nós daquela, e iso animounos a arrancar co grupo».

Pepe: «Aínda hoxe nos seguen inspirando moito. Outras influencias son Jack White e os seus múltiples grupos, Queens of the Stone Age, Royal Blood, Placebo, Muse, PJ Harvey, Mark Lanegan....».

 

Non é ata marzo de 2020, en pleno confinamento, cando debutades con Interior Noite (2020). Por que esperar tanto tempo para gravar o voso primeiro disco? E por que lanzalo, precisamente, en medio dunha pandemia?

Pepe: «Gustaríanos telo gravado antes, pero sendo eu autónomo e Rocío traballando no audiovisual, non nos quedaban horas no día. Cando por fin puidemos dedicarlle tempo, chegou a pandemia».

Rocío: «Lanzámolo no confinamento porque xa non queriamos agardar máis. Notabamos tamén que a xente precisaba da música e a nós víñanos ben para manternos ocupados e animados. De feito, gravamos o videoclip de “Calambre”confinados».

 

 

Ao fío, pensades que, de ser xestado pre-COVID, este Interior Noite soaría diferente? Con outro repertorio, quizais?

Pepe: «Non, o EP estaba gravado desde finais de 2019 e tamén lle tiñamos o título, así que realmente foi casualidade que cadrase así».

Rocío: «Nós xa eramos escuros de antes [risos]».

Pepe: «Eu a corentena e o illamento xa os vivín de autónomo».

 

Para este álbum debut contastes con Iago Lorenzo (Heredeiros da Crus, Agoraphobia, Igloo) na produción, e con Robin Schmidt (Placebo, The Black Keys) na masterización. Como foi traballar xunto a eles?

Pepe: «Unha marabilla! Era xusto o que necesitabamos: alguén que entendese o noso rollo e nos axudase a darlle o son que estabamos a buscar. Ademais, gravámolo na súa casa; os tres metidos nunha habitación, sen a presión de estar condicionados polos horarios dun estudio».

Rocío: «Foi moi divertido. Eu gravei as voces gritando contra unha libraría chea de libros infantís... Con Robin non chegamos a tratar; traballa habitualmente con Iago, e foi unha recomendación del, ao igual que José Bruno na gravación das baterías, e quedamos moi contentos con ambos. Por iso repetimos equipo no seguinte EP».

 

 

O voso debut foi recibido cos brazos abertos por público e crítica e chegou a soar en programas de radio estatais como Turbo 3 ou Hoy empieza todo de Radio 3. Esperabades tal acollida ou colleuvos por sorpresa?

Rocío: «A verdade é que escoitarte na radio é un subidón. Non imos negar que nos fixo moita ilusión, porque non contabamos con iso, pero realmente non sabes se a cousa funciona ou non ata que tocas en directo, que é o que máis nos apetece facer agora mesmo».

Pepe: «Iso mesmo; agora estamos moi centrados en preparar o directo e xa se verá se gusta ou non».

 

 

En decembro de 2021, o rock abrasivo, cru e sucio que asentabades o ano anterior volvía convertido nun novo traballo discográfico, Saliva (2021). Que vos empurrou a sacar un novo EP un ano e medio despois do anterior... tendo en conta que para sacar o primeiro agardastes oito anos?

Rocío: «Basicamente, poderlle dedicar máis tempo ao grupo».

Pepe: «A nós gustaríanos publicar algo todos os anos, sempre e cando as condicións o permitan».

 

Composto por tres cortes, Saliva volve poñer en evidencia a vosa potencia instrumental e rítmica, xunto a unha voz sutil e poderosa a partes iguais que canta letras introspectivas. Como foi o proceso creativo?

Pepe: «Como facemos habitualmente: amosámoslle as nosas ideas ao outro e imos probando o que nos suxiren, enchendo ocos e dándolles sentido. Ningún tema é ao cen por cento dunha persoa.

Despois metémoslles bases programadas mesturadas con baterías reais, caixas de ritmos, sintes, etc., o que nos permite facer as cancións por completo ao noso xeito».

Rocío: «Desta volta, ademais, ao ter xa un local onde ensaiar e tamén coñecer o proceso de gravación, fomos máis rápidos compoñendo.

A nivel conceptual, neste EP a min interesábame traballar dunha maneira máis visceral e as letras orbitan un pouco arredor diso».

 

 

Á hora de compoñer, que ou quen, vos inspira? Sodes dos que pensan que a inspiración vén ou hai que ir procurala?

Rocío: «Podes inspirarte en mil cousas, pero hai que alimentar a imaxinación. Vivencias, lecturas, películas, música… Creo que é importante darlle de comer á cabeza para que vaian xermolando cousas interesantes».

Pepe: «Hai momentos de inspiración, pero, sobre todo, hai que botarlle horas, se non de pouco serve».

 

 

En ambos traballos conviven letras en galego e en castelán. Como decidides a lingua da canción? Seguides algún criterio, depende da mensaxe que queirades transmitir...?

Rocío: «Non é algo premeditado. Eu son galegofalante e paréceme lóxico escribir en galego, porque é o que me nace. Ademais, gústame poñer o meu gran de area para manter viva a lingua. Certo é que habitualmente os nosos temas nacen cantaruxando nun idioma inventado sobre a música, e o que intento ao poñerlle letra é que foneticamente sexan o máis parecidos posibles a esa cantaruxada orixinal. Teño un pouco de TOC con iso, confésoo.

Entón, hai veces que o que aparece é unha palabra que en galego non existe, como “calambre”, e teño que cambialo de lingua. Eu fantasío pensando que os temas en castelán son os nosos cabalos de Troia para que a xente de fóra despois escoite os que están en galego».

Pepe: «A min gústame que unha canción soe natural. Como Rocío se encarga das letras, déixoo ao seu criterio, pero persoalmente gústame máis como soa ela en galego».

 

Case un mes despois do lanzamento deste último EP, publicabades o voso primeirísimo bolo en YouTube; un concerto gravado ao vivo en Estudios Potemkin (Santiago de Compostela). Como describiriades a experiencia e de onde vén a idea de estrear así os vosos directos?

Pepe: «A idea é máis por unha necesidade de vernos en directo coa banda ao completo. Nós tomámolo máis como un ensaio, queríamos escoitarnos para probar todo. E Estudios Potemkin é onde ensaiamos habitualmente e onde máis cómodos estamos».

Rocío: «Serviunos de escusa para amosar o proxecto, presentar a banda e matar un pouco o mono».

 

 

Para esta sesión contastes con Paula Rego (Agoraphobia) á batería e Manu Rodríguez ao baixo. Serán habituais ou foi unha colaboración puntual?

Rocío: «A nosa idea é que os dous formen parte da banda habitualmente. Admirámolos como músicos e son moi boa xente, que ao final é o máis importante».

Pepe: «Desde o comezo foron a nosa primeira opción. Nós xa tocaramos con Manu cando arrancabamos o proxecto e seguiamos o traballo de Paula en Agoraphobia. Sentímonos moi cómodos tocando con eles».

 

Neste concerto estreabades Padrón”, unha canción inédita. Adianto de algo novo, homenaxe á terra de Rocío...?

Pepe: «É un tema que xurdiu unha tarde no ensaio e divírtenos moito tocalo en directo».

Rocío: «Tamén o incluímos como un pequeno extra de agradecemento para os que vexan o vídeo, por amosarlles algo novo. E para mandarlle aos veciños [risos]».

 

 

Se a volta á normalidade segue o seu curso, a música ao vivo de xeito regular, cruzamos os dedos, fará o propio. Que poderemos agardar dun concerto de Maltine?

Rocío: «Enerxía e gritos».

Pepe: «Si. Moito ruído, hai que desquitarse».

 

Veña, a última e marchamos: como ve Maltine o seu futuro non moi afastado?

Pepe: «Pois esperemos que tocando moito».

Rocío: «Amén!».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Pepe: «Temos un clásico favorito común que é Holywater».

Rocío: «Si, e despois poderiamos dicirche mil bandas diferentes que cremos que o fan moi ben: Chicharrón, BALA, Triángulo de Amor Bizarro, Agoraphobia, Chamaquito Pistolas, Rheia Gorecki…».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Pepe: «Nada, non uso Spotify!».

Rocío: «Todos os grupos que mencionamos ao longo desta entrevista, algún máis, e ultimamente teño unha pequena obsesión con Reignwolf, o meu último descubrimento. Tamén hai oco para Xil Ríos e Ana Kiro, por suposto».

 

  noticias